Fe-li-pe!

ESTE 25-X grego faime recordar, salvando as distancias, aquel 28-O español de 1982. A contundente vitoria da esquerda (daquela, o PSOE) estaba cantada e os españois dividíanse entre os que a agardaban con esperanza e ilusión, porque ía ser algo diferente, e os que o facían con temor e sacaban a pasear os fantasmas da guerra fría, dos soviets e das chekas, cando non do máis recente 23-F. En Grecia pasa algo semellante estes días. O certo é que en España aquela non foi a única vez en que o pobo, farto, decide reclamar un golpe de temón, sexa pola corrupción (1996), polo pánico terrorista (2004) ou pola inseguridade económica (2011). A pioneira vitoria de Felipe González aquel xoves (si, daquela votábase entre semana) de 1982 foi acollida por Diario 16 (1) cunha gran foto do líder do PSOE, o antetítulo (1) “González foi vitoreado” e o título en maiúsculas “PRE-SI-DEN-TE”; así saía na edición de tarde (1) do día 29. Na mesma xornada electoral, o xornal El Alcázar (1) avisaba, apocalíptico, de que España estaba a elixir entre a Otan e o Pacto de Varsovia (1). Foi premonitorio aquel titular do xornal dirixido por Antonio Izquierdo, porque foi González o que, tres anos e pico despois, nos meteu… na Otan. Daquela, a esquerda supostamente radical que ía queimar igrexas xa se pasara ao pragmatismo, ese que confiren os despachos do poder. A vitoria de Syriza tamén me fai recordar iso.

(1) Si, daquela había esas cousas

ENGADIDO

Postos a recordar, non podo esquecer outra ligazón entre aquel PSOE e esta Syriza. Foi un Goberno de Felipe González o que nos meteu na Otan. Naquela campaña contra a integración plena na Alianza Atlántica xurdiu unha coalición de grupiños de esquerda, liderada polo PCE, que, despois do referendo, agrupouse baixo a marca Izquierda Unida. E Syriza ten recoñecido moitas veces que a súa inspiración foi, precisamente, esa Izquierda Unida.

A foto que ilustra este post está tomada da web de El Mundo; o meu arquivo de papel desa época aínda non está dixitalizado :-)

Tags: , , ,

Comenta

*