Aporreando

A vella Olympia, cun dos seus substitutos actuaisNUNHA desas limpezas descomunais ás que somos tan dados ás veces na familia, reapareceu a miña Olympia Traveller de Luxe. Ángela, que na súa vida debeu de ver cousa igual, agás en libros ou museos, atreveuse a probar o teclado cando lle dixemos que aquilo viña sendo o ‘ordenador’ co que fixemos as nosas carreiras a súa nai e o seu tío (eu). A nena non daba golpeado as teclas coa suficiente forza para que saíra algo escrito no papel. Mentres a miña sobriña de nove anos intentaba aporrear (ese é o verbo, que a máquina sempre foi dura) a máquina de escribir, os maiores chanceabamos con que iso era un ordenador compacto: tiñas pantalla, teclado e impresora no mesmo aparello. Lin non hai moito que quen as segue a usar é Javier Marías, que sae a máquina por obra. É un ‘vicio’ caro, como xa o era daquela o seu principal consumible: a cinta. Pode que nalgún rocho, entre os libros de primeiro de Periodismo, aínda estea a factura de cando o meu pai comprou aquela máquina de escribir: custara 20.000 pesetas, 120 euros. Alguén me di que agora non che dan nin 60 por elas, aínda que se vas compralas a unha tenda de antigüidades igual che piden o dobre do que custou. Máis caro era, en proporción, o típex para os erros. Niso, na facilidade para corrixir, gañan os ordenadores. Noutras cousas perden: os teclados actuais non aguantan os golpes con saña, cando escribes con rabia polo que sexa, cabreado co mundo. Téñoo comprobado.

Tags: , ,

Comenta

*