Cancións ’sexy’


BUSCANDO o vídeo de ‘You can leave your hat on’ para ilustrar a noticia da morte de Joe Cocker, a primeira opción que me dá San Google é a de Kim Basinger espíndose para Mickey Rourke. A canción vai permanecer por sempre unida a esa escena de ‘Nueve semanas y media’, igual que esas imaxes van quedar para sempre na retina de toda unha xeración. Recordo ter estado nalgunha discoteca naqueles anos noventa e, no momento en que comezaba a sonar o tema, sempre había alguén (público ou DJ) propoñendo algún striptease feminino. O mesmo pasou despois, en masculino, co ‘Hot stuff’ de Donna Summer ou co ‘Rock’n roll part II’ de Gary Glitter, que, escritos así, non lle soan a ninguén ata que engades que eran os temas cos que se espían os protagonistas de ‘Full Monty’. Cada tempo ten a súa canción subida de ton, que mantén o seu carácter ‘sexy’ mesmo cando a escaralla Jennifer Lopez (a ‘Lambada’). O certo é que as actualizacións danlles outra perspectiva: o ‘Sex machine’ de James Brown soaba picante a comezos dos 70 (cando se gravou) e divertido vinte anos despois, cando se converteu no famoso ‘Geropá’ dun anuncio dun coche. Por suposto, isto vai co tempo: os españois dos 50 tiveron como gran canción ‘pecaminosa’ o agora brando ‘Bayón de Anna’. Aínda así, iso non era nada comparado co ‘Put the blame on Mame’ de ‘Gilda’. Nunca un espido integral deu tanto de que falar… aínda que só fora de brazos.

ADDENDA
Non podo esquecer dúas referencias cinéfilas españolas. Unha é o feito de que ‘Full Monty’ acabouse por converter nun substantivo (“facemos un fulmonti?”) que deu pé a unha esquecible película do ano 99, ‘Se buscan fulmontis’. A outra referencia é a escena na que o neno protagonista de ‘Demonios en el jardín’ (Manuel Gutiérrez Aragón, 1982), despois de ver ás agachadas o ‘Bayón de Anna’ bailado por Silvana Mangano, proclama que ese é o seu primeiro pecado.

Tags: ,

Comenta

*