Auga definida

ESA humilde auga da que escribía hai unha semana chega a ter moito peso na política e noutros moitos aspectos. Penso, por exemplo, que o acceso a ela é un dos sempiternos panos de fondo dos non menos sempiternos conflitos de Oriente Próximo. Máis preto de aquí, as polémicas teñen outras orixes, como a empresa mixta para a xestión do subministro de auga no concello de Lugo. A un nivel máis pequeno aínda, non se pode esquecer todo o negocio que se xera arredor, mesmo en miudezas. Almudena Grandes contaba hai un par de meses o difícil que é reencher unha botella de auga nos servizos públicos dalgúns aeroportos: fano, sospeitaba, para que teñas que comprala nas máquinas expendedoras, onde unha simple botella se vende a prezo de ouro. A moda dos retretes de deseño expándese; hai locais onde case tes que ter un máster en enxeñería para abrir a billa. Supoño que será por darlle un toque de luminosidade e limpeza a un sitio onde o que fas non son, precisamente, cousas limpas. Esa humilde auga, xa digo, dá para moito. Deu mesmo, imaxino, para un duro debate nun ente tan de actualidade como a Real Academia Española. Ese debate reflíctese nos retoques introducidos na definición de ‘agua’ para a nova edición do Diccionario, empezando, curiosamente, pola ordenación alfabética das características da auga: incolora, inodora e insípida. Describir a auga: iso si que debe de ser unha tarefa laboriosa.

Tags: , ,

Comenta

*