Saborosa auga

DISQUE a auga é incolora, inodora e insípida, pero, como pasa en tantas cousas, todo é discutible. Hai sitios nos que entras e parece que ‘ule’ a auga: realmente, é máis unha sensación (de humidade) que un cheiro, excepto se falamos de augas residuais ou fecais. Hai animais que parecen detectar a proximidade da auga, sen vela: non semella que sexa polo olor, pero pode ser. O de incolora tamén é discutible, e sabémolo ben os que transitamos polo Lugo de comezos dos noventa, aquela cidade na que enchías a bañeira e podías berrar: “Mira, auga verde!” Era unha situación atípica que se explicaba polas anomalías no abastecemento, daquela máis que deficiente. Aquela auga non era totalmente insípida, aínda que o do sabor é sempre unha cuestión persoal. Sábeno os que algunha vez cambiaron de cidade de residencia. As túas papilas gustativas afanse a unha auga determinada e cando vas vivir para outra parte, ‘sabe’ distinto: aquí o problema é tanto o lugar de captación (as augas do Mediterráneo son máis duras que as galegas) como as tubaxes (hai sitios onde da billa sáeche algo cun ‘sabor’ a metal que é bastante inquietante). E a constatación de que non toda a auga é igual son as que nos venden como minerais. As augas minerais son esas que ‘saben’ distinto segundo a marca ou chegan a custar unha porrada de cartos; parece incrible, e máis tratándose dun elemento, ademais de importante, tan humilde.

(Na imaxe, un dos vasos de auga máis famosos da pintura española)

Tags: ,

Comenta

*