Lume

CANDO me mostraron por primeira vez o piso que logo ía ser a miña casa, xusto diante estaban preparando unha monumental cacharela de San Xoán. Un ano despois, cando eu xa vivía oficialmente alí, repetiron fogueira. Dous anos despois, montaron esa e, nun perfecto exemplo do que é o movemento veciñal en Lugo, unha segunda na outra estrema do barrio. Aquelas foron as derradeiras cacharelas do rueiro. Así que quedei coas gañas de facer algunha achega acorde coa miña profesión: uns quiliños de xornais vellos, por exemplo. Pero o combustible que se levaba naqueles lumes novos, como en todos, era a madeira. Por estas datas, os medios de comunicación adoitamos empregar a licenza de dicir que é ‘a noite máis curta’ (que realmente non é esta, senón a do 21 ou 22), e tamén repetimos aquilo de que isto ten unha orixe pagá, de adoración ao sol e de benvida oficial ao verán. Pode cansar ler a mesma historia ano tras ano, pero hai que pensar sempre nos que len por primeira vez e nos que se queren lucir, , no medio da chea de San Xoán, citando esas orixes celtas, castrexas ou, en resume, “dos antigos”. Os expertos din que estas cacharelas teñen un ánimo purificador, de queimar cousas vellas e de abrirse ao tempo novo, á luz do verán. O malo é o tufo histórico que teñen estas cousas; porque tamén era un ‘lume purificador’ o que empregou a Inquisición contra os que se saían da ortodoxia. E o mesmo ‘lume purificador’ usárono os nazis contra os libros ‘dexenerados’. Como en todo (o mesmo pasa, sen ir máis lonxe, coas redes sociais), o lume non é o culpable, senón quen e para que o usa.

Tags: , , ,

Comenta

*