Hildegarda

NO ESCAPARATE dunha libraría minimalista preto do Parlamento vexo un libro sobre a medicina de Hildegarda de Bingen. Entro, porque algo escrito no século XII pode ser unha curiosidade perfecta para agasallar, pero vexo que non é máis que unha obra sobre os escritos da santa, algo así como un libro de autoaxuda, ese oxímoron (grazas, María Piñeiro). De Bingen (reprimo a tentación, lixeiramente machista, de poñer só o nome) é un personaxe que mesmo che vale para un roto que para un descosido: dela tiven noticia, hai anos, por un programa de Trecet, seica porque alguén acababa de gravar as súas composicións musicais. Daquela xa souben que foi monxa naqueles séculos nos que toda a vida xiraba ao redor dos conventos (recordoumo, hai pouco, o museo de Santa Clara-a-Velha). Despois, souben que a muller tocou máis paus: a mística, as profecías… a medicina. Era unha medicina daquela maneira, na que as cousas máis incurables se combatían (presuntamente) cocendo herbas. Co tempo, a Hildegard von Bingen fixérona santa e doutora da Igrexa (con San Xoán de Ávila), pero houbo que agardar ata que chegou o Papa agora emérito (2012). Tería tardado menos o recoñecemento se fose un home e non unha muller con poder e, seica, sabia? Agora, en cambio, empeza a ser popular en certos ambientes, así que os amantes das rarezas teremos que ir pescar noutra parte.

Tags: , , ,

Comenta

*