Voces dos 60

VUELO 605, DE ÁNGEL ÁLVAREZA VIDA tenlle cariño ás coincidencias. Ou quizais, como pasa coas profecías e outras adiviñas, es ti quen fai por casar cousas non conectadas. O martes pasado viña escoitando no coche a Luis Zaragoza (‘La radio de los mil tiempos’), que ese día recordaba a Ángel Álvarez, un dos grandes nomes da radio española. Era un radiotelegrafista de Iberia que axudou a que aquela España pechada dos anos 60 coñecera as músicas que se facían noutras partes do mundo; especialmente, en Estados Unidos. Non sei por que, acordeime doutro home da aviación que acabou collendo sona tamén por unha actividade distinta: Santiago Pemán, que pasou de piloto a meteorólogo. Pero a radio interrompeu a miña digresión con outra noticia: a morte dun tal Antonio Morales, que identifiquei como o cantante Junior antes de que o dixeran os locutores. A verdade é que a redacción da noticia era (vou ser suave) estraña, porque remataba dicindo que, “inicialmente, non había sinais de violencia” na morte deste septuaxenario, como se o habitual fose falecer asasinado… aínda que ultimamente a prensa rosa era o ámbito deste compoñente de Juan e Junior. Ángel Álvarez e este dúo son dous referentes dun tempo socialmente sombrío e musicalmente emerxente. Zaragoza recordaba que Álvarez constituíu a transición entre os locutores engolados dos 50 e os estridentes Djs que chegaron despois… Nalgúns casos, ai!, aínda non se foron.

Tags: , ,

Comenta

*