Letras


Unha das cancións españolas máis emblemáticas ten unha letra mínima, de poucas estrofas. Antonio Vega non se estendeu demasiado para contar a historia daquela rapaza que ve cando el se asoma á ventá, pero o importante é a combinación de versos e música, O bo destas letras breves é que as aprendes axiña. Quizais aí estea a clave do éxito dunha das primeiras cancións do verán que recordamos, ‘Un rayo de sol’ (Los Diablos). Pola contra, outras cancións teñen letras máis longas e densas, case novelas breves: ‘Mediterráneo’, ‘Solo pienso en ti’ ou o meu último descubrimento de radiofórmula, o ‘Comiéndote a besos’ de Rozalén. Ademais de narracións, hai cancións que son auténticos poemas, como asumiron os xurados que lles concederon o Príncipe de Asturias a Bob Dylan ou Leonard Cohen, Este último, ademais de falarnos sobre mulleres coas que quererías viaxar a cegas, escribiu libros de poesía. Nado nun país bilingüe, Canadá, o cantautor de ‘Suzanne’ optou polo inglés, ese idioma no que aos españois non nos importa cantar aínda que non tiñamos nin idea do que estamos a dicir. Ás veces máis vale non sabelo, porque cando descobres a estupidez da letra que estás escarallando, cáeseche a alma aos pés. E así podes facer promocións en cadeas públicas cunha canción que di, literalmente, «dareiche algo o bastante grande para partir o teu cu en dous»; en inglés, claro, que seica soa menos basto / besta.

Tags: , ,

Comenta

*