Os bolsos

HAI UNHA escena en ‘Un día inolvidable’ en que Michelle Pfeiffer empeza a sacar do bolso cousas suficientes para improvisar cadanseu disfrace para o seu fillo e para a pequena de George Clooney. Este, asombrado, acaba por preguntar de onde saíu todo aquilo: como se o bolso da muller fose como eses sombreiros dos que os magos extraen coellos, panos ou o que faga falta. Coñezo mulleres que levan no bolso “a vida enteira”, como me ten dito algunha delas; e algo de certo hai nesa expresión, porque dese complemento pode saír dende unha axenda (porque é unha traballadora activa), ata un cueiro (porque é nai ou filla), pasando por un estoxo de maquillaxe (porque se quere sentir persoa ou máis guapa nalgún momento) ou, xa postos, un zapato plano para as derradeiras horas do traballo ou do día. Os homes, que somos máis simples, amañámonos cos petos do pantalón ou da chaqueta ou peza de abrigo… Aínda que iso era máis antes, porque, neste tempo en que podemos levalo todo no móbil (mesmo hai agora un anuncio que o promociona con pintura corporal), os homes acabamos de descubrir a comodidade do bolso… bueno, os homes e as marcas, que agora os venden. E postos a copiar, mesmo imitamos algo que nunca entendín, pero que é, polo visto, unha lei inapelable: canto máis pequeno é o bolso, máis necesitas cambiar a un grande, e canto máis grande é, máis o enches. Todo un misterio.

Tags: ,

Comenta

*