Todas caen

TODAS caen, atronaba a miña avoa, cun determinismo bíblico, para avisarnos cando nos portabamos mal. Era una versión do cristián “toda acción ten o seu castigo” (ou algo así), aínda que non sempre de xeito inmediato. E vías como ás veces se cumpría tal ameaza: a muller que de pequena fora mala comedora, de maior tería que lidar cunha filla inapetente. O neno case delincuente convertíase de maior en pai dun pequeno ‘problemático’. Recordando iso, ti procuras portarte ben, esperando que o destino non te ‘castigue’ polas túas ‘maldades’, pero vas dar a unha profesión endogámica, onde o que máis nos divirte é criticar á competencia. E caes na tentación e ris co xornal nacional que un día publica unha páxina en branco, por un fallo de impresión… e ao día seguinte es ti o que publicas unha páxina dúas veces. Así que pensas que hoxe por ti e mañá por min, e miras os erros dos colegas con resignación e sabendo que ti non estás libre de pecado… ou iso é o que pensas, porque, ás veces, esquéceste. E así, en Reis ves a Pedro Piqueras en Tele 5 rindo porque en Granada fixeron un monumento con evidentes erros ortográficos, gramaticais e de puntuación. E ti, que es dos que pensan que hai que colgar aos que cometen faltas de ortografía, quedas á expectativa diante da noticia. E xusto na seguinte peza o título sobreimpresionado da noticia leva unha coma entre suxeito e predicado. Ai! Todas caen!

Tags: ,

Comenta

*