Almanaques


PRESENTOUSE na Deputación
o último ‘O Gaiteiro de Lugo’ e na redacción tivemos un debate sobre calendarios e almanaques. Son dúas palabras que non son exactamente sinónimas, sobre todo para os que nacemos antes da Transición e vimos de ambientes rurais. Na miña infancia, recordo que era case obrigatorio ter na casa o almanaque de Zeltia. Para nós era ‘o do ZZ’, polo nome dun popular insecticida que a empresa facía, creo que no Porriño e para o escaravello da pataca. Viña nun galego acastrapado e moi seu, no que xuño aínda era San Xoán e xullo, Santiago, e cunhas maxistrais predicións meteorolóxicas, que podían servir para anunciar o mesmo un temporal de sol que unha seca de neve ou todo o contrario. Co tempo, xustamente cando me vin vivir á provincia máis rural de Galicia, descubrín publicacións semellantes, como esa resucitada pola Deputación, o entrañable ‘O Mintireiro verdadeiro’ ou o máis profesional ‘Zaragozano’. En tempos, tiñan unha utilidade informativa: na casa usábano para saber as datas de celebración das feiras ou o santo do día. E viñan outros datos ‘imprescindibles’, como as equivalencias das medidas agrarias. Eran, claramente, moi agrarios, palabra que mesmo era subtítulo do de ‘Zeltia’. Hoxe, xa son unha cousa case folclórica, menos útil: o que viña nestas publicacións, sempre de pequeno tamaño, sáeche agora no móbil, e mesmo ás veces o grao de credibilidade é idéntico no papel que na pantalla.

(Na foto, o finado José María Regadío con ‘O mintireiro verdadeiro’, a súa creación, nunha imaxe de 2003)

Tags: , ,

Comenta

*