Natalicio

DE CATIVO, pensaba que o meu día de nacemento fora o 1 de agosto. Cando fun medrando e me deixaron tocar “os papeis dos maiores”, vin que realmente era o 31 de xullo. É unha data que me gusta polas súas resonancias ‘metafísicas’, por chamalas dalgún xeito: é, por exemplo, o día en que o actual Papa honra ao fundador da súa orde e é, tamén, a data dun dos grandes aquelarres do ano, como ben sabía J. K. Rowling cando fixo que o seu Harry Potter nacese un 31 de xullo. En canto a min, atribuín inicialmente a miña información errada a un despiste da familia, ata que descubrín que case ningún dos meus maiores nacera o día que figuraba no seu DNI, senón antes: por exemplo, a miña nai é de novembro, segundo a familia, pero o rexistro faina nacer en decembro. Foi así como souben que houbo unha época en España en que te podían sancionar se tardabas moito en rexistrar os nacementos. Era, precisamente, o tempo en que o acceso aos rexistros non era doado: imaxínate ter familia en decembro, nunha aldea illada pola neve e ter que agardar meses para ir, por unha estrada daquelas, ata o xulgado. Despois pensei que iso era cousa do pasado, ata que saes do teu primeiro mundo e descobres que en sitios como México ou Tailandia están convencidos de que hai milleiros de nenos que agora mesmo non figuran en ningún rexistro; neste caso, inflúe tanto o lonxe que están os centros oficiais como ese tradicional receo de moitos cara aos censos (isto último foi, por exemplo, causa dos problemas que houbo en Galicia coa supertaxa láctea). Así que en días como este, no que celebramos o nacemento dun neno (cuxos pais, por certo, foron de Nazaret a Belén para se censar), hai que recordar que, como sempre e por desgraza, nacer nun sitio ou noutro non é indiferente.

ADDENDA
Despois de publicado o artigo, vexo que Unicef divulgou este mesmo mes un informe no que avisa de que un de cada tres nenos non existe oficialmente; é un colectivo tan grande (230 millóns) como seis veces a poboación de España. O preocupante informe poden atopalo, en pdf e por agora en inglés, na web do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia. E vía Google poden acceder a artigos sobre o que iso supón sobre a perpetuación da pobreza.

Na imaxe, un neno sen problemas censuais, no cadro de Giuseppe M. Crespi ‘Virxe co Neno durminte’.

Tags: , ,

Comenta

*