Lentelliña




LENTELLIÑA é o nome co que o pai de Asunta chama á nai da nena achada morta en Teo, segundo desvelaron as gravacións feitas nos calabozos. É un deses alcumes cariñosos que nacen nalgún momento inesquecible da relación entre dúas persoas (preferentemente, nos tempos iniciais), que despistan aos de fóra e que só entenden os implicados: como un contrasinal privado. Reservas os nomes oficiais para o trato exterior ou ‘oficial’ e usas outros apelativos para a relación íntima: cariño, vida (tamén diminutivos), amor, neno, nena… Tamén hai algún que podería parecer despectivo pero que, no contexto da relación, pasa a ser todo o contrario; seica un dos máis populares é ‘gordi’, que de portas para fóra semella case un insulto. Quizais a idea é diferenciar a esa persoa: ti non es só X, senón que es o meu X. Isto recólleo algunha creación artística; por exemplo, na historia do cine figura esculpida a palabra Rosebud, que seica era un apelativo cariñoso de William Randolph Hearst cara á súa dona… ou máis ben unha parte dela. La Lupe enterra nunha canción ao seu (suposto) “maridito” e chámao Coroque. Na miña casa sempre xogaron co nome dos cativos: se te chamaban polo diminutivo, tiñas que prepararte para unha reprimenda. Coñezo a un que chamou ‘Mari’ a todas as súas mozas, formase ou non parte do nome. E ás veces pregúntome se todos eses apelativos non agochan outra cousa, como aquel conto dunha parella que chega dunha festa á súa casa e el bótalle en cara a ela que se pasara toda a velada preguntándolle o nome ao anfitrión. “Tes tan mala memoria, que, despois de tanto tempo de casados, non sei como recordas aínda o meu nome”, di el. E ela responde: “E por que cres que te chamo sempre ‘Cariño?”

Tags: ,

Comenta

*