A peaxe

A RAPAZA da peaxe mírame con mala cara, posiblemente porque lle fixen sacar as mans da súa cabina quentiña para expoñelas ao frío desta madrugada de xeada. Ela igual pensa que son un deses inútiles que non dá feito coas máquinas, e eu podería dicirlle que realmente o fago, entre outras razóns, por unha solidariedade de especie (a humana, concretamente); as máquinas, ademais, son menos áxiles, como comprobo cando na seguinte peaxe non atopo ningunha cabina atendida por unha persoa. Sería curioso ver o que pasaría se todos nos movéramos por criterios como a solidariedade, o respecto cara aos demais, o civismo ou o estrito cumprimento das normas. Imaxinen: un grupo de mozos de botellón que ao rematar recolle todos os residuos; unha chea de consumidores que compra só produtos locais; unha morea de produtores locais que non abusa da confianza do consumidor; un condutor que non lle pita ao que vai diante axustándose ao límite de velocidade; uns rapaces (e non tan rapaces) de xolda que deciden que a papeleira que ían romper non ten culpa de nada; uns veciños que non fan ruído a destempo e outros que non se alporizan polos berros do neno de arriba; un que non tira un papel ao chan… Sairíanos, sen dúbida, un mundo pacífico, agradable, limpo, bucólico… demasiado aburrido, quizais. Claro que todo iso levaría á desaparición dun oficio: o de varredor ou limpador. Nin o civismo é inocuo.

Tags: ,

Comenta

*