A novena

Unha persoa pouco forofa do cómic veume no meu último aniversario con ‘Ardalén’, novela gráfica que eu folleei esa mesma noite, de pé, sobre a vitrocerámica, como preludio dunha lectura máis demorada. É algo que fago moito co cómic: véxoo primeiro por riba, depenicando unha páxina aquí, outra aló e dúas acolá, e tempo despois xa o saboreo con calma. Adicto ao mundo da banda deseñada dende pequeno, a miña afección foi evolucionando dende aquela. Por exemplo, de cativo non entendía a Mortadelo e Filemón; de maior, parécenme maxistrais, e máis despois de descubrir os seus divertidos fondos (Ibáñez dixo algunha vez que lle encantaría dedicarse só a debuxalos). Pola contra, Astérix, que agora cambia de ‘pais’, é dos que nunca deixou de gustarme, como Mafalda e, sobre todo, o Capitán Trueno… ou era o Capitán Trueno e, sobre todo, Mafalda? O creador da contestataria nena, Quino, vén de publicar as súas primeiras viñetas a cor, unha delas, curiosamente, de aire sexual, sae, na edición de Lumen, na páxina… 69. E a Miguelanxo Prado, a quen vin debutar nas revistas de Toutain, naquela ‘Zona 84′ dos tempos de facultade, veñen de darlle o premio nacional por esa moi recomendable ‘Ardalén’. Hai tempo que as novidades do cómic me atraen tanto como as literarias en xeral. Hai anos, cando algúns os desprezaban considerándoos diversión para nenos, dicir iso sería unha blasfemia, pero hoxe xa somos moitos os que cremos que iso (tebeo, historieta, cómic, ‘chistes’…) é unha arte aberta a todo o mundo; a novena arte, para ser exactos.

(Na mesa, Ambrós, Eisner, Ferrándiz, Giménez, Goscinny, Gutiérrez, Linniers, Maroto, Mora, Otomo, Prado, Pratt, Quino, Uderzo, Vázquez)

Tags: , ,

Comenta

*