No aire

SEGURO que lles pasou iso de ir conducindo e ver aló lonxe unha aldeíña que ten  moi boa pinta. E quedas coas ganas de saber como se chama e, sobre todo, como se chega, non vaia ser que esteas a perder a posibilidade de coñecer a aldea máis pintoresca e linda do mundo. Atopas moreas de sitios como ese cando estás en movemento, sexa no coche ou nun transporte colectivo. Logo cabe a posibilidade de que deas sabido o nome do lugar, que vaias alí e que leves un chasco, aínda que a min xa me ten pasado o contrario: por exemplo, San Cristovo do Real (Samos) é máis lindo de preto que dende o coche. No avión é onde máis sucede, aínda que ás veces algún piloto simpático dáche indicacións: esa mancha branca á esquerda é O Courel; a cidade grande do fondo é Lugo. Voando, ocorréuseme que as ventás poderían ter un dispositivo de realidade virtual; xa saben: enfocas e Google dáche os datos do que enfocas. Outra opción é que todo núcleo de poboación, ao tempo que inza de luz o firmamento nocturno, proxecte no ceo o seu nome, para que se vexa ben nas nubes. Ti estarías voando sobre o deserto e verías á dereita unhas letras no ceo que dixeran ‘Oasis de Siwa’, por exemplo. O mellor, sen dúbida, é o que fan os veciños de Calabuch cando o científico ten que saír voando (Berlanga, 1956), que debuxan para el o nome da vila no aire con fogos artificiais, unha idea, abofé, máis cara que o canón de luz.

Tags: , ,

Comenta

*