O vals de Hightower

NESTE meu agosto cheo de reencontros, fun eu quen lle deu a un excompañeiro de instituto a noticia de que morrera Donna Hightower; para moitos melómanos como el é unha eminente cantante de jazz, mentres que para outros españois non é máis que a intérprete de ‘El vals de las mariposas’. Máis dun ten bailado ese pasteloso vals (cantado a medias coa súa parella daquela, Danny Daniel) nalgunha voda, especialmente cando o alcol xa fixera estragos. Nos casamentos, como nas verbenas, cambia moito a música (mesmo o xeito de reproducila), pero hai clásicos que non fallan: soe ocorrer cando os asistentes xa perderon as formas e perpetran congas ‘ferroviarias’ a ritmo de El Consorcio ou seudorumbas na honra de Macarena ou cantan que viñeron só polo alcol, alcol, alcol. Logo queda testemuño gráfico diso e anos despois dáche un pouco de apuro, aínda que tamén se dá o caso contrario: teño un familiar que me fixo ver seis ou sete veces o vídeo (daquela ese era o formato habitual) da súa voda. Aínda así, non recordo se nesa bailamos ese vals que fala dun milleiro de bolboretas nun xardín. Tanto Hightower como El Consorcio (ou Mocedades) fixeron pezas moi serias e moi boas, pero son coñecidos polas máis pegañentas; claro que un non vai a unha voda pola calidade da música, e o máis probable é que nin se acorde da peza coa que os noivos abriron o baile. Si que recordarán o mal que bailaban: mellor que se o facían ben.

Tags: , ,

Un comentario a “O vals de Hightower”

  1. isidro pazos

    Gracias pola mención e por facer que a Hightower se quede un pouco mais entre nós. Non che contei que tiven ocasión de falar con ela un día que coincidimos nun especial da TVG que se grabou na piscina do hotel Samil. Debeu ser aló por 1987 e contoume que pensaba regresar os Estados Unidos. Ademais do “vals das mariposas” hay outras cancións na sua carreira, haberá que buscalas e recuperalas do esquencemento, ¿coñeces a de “sunday morning”?, penso que tamén de Danny Daniel a quen lle temos que agredecer a presentación de Hightower no panorama musical. Ainda que nós eramos uns nenos e non nos lembramos hai que agradecerlle a Danny Daniel, que seguramente xa era famoso, o feito de poñerse en segundo plano para darlle a alternativa á cantante norteamericana, como se pode ver na portada ca que ilustras o artigo. Qué luxo para a música popular española o ter contado con unha voz do nivel da Hightower.
    De novo agradézoche estas letras e ademáis estou contigo no rechazo ás congas ferroviarias (nefasta a conexión co recente desastre de Santiago pero non o podo evitar). Sempre que nunha festa a xente comenza con “tren chuchú” é o sinal inequívoco para fuxir, non che ten pasado? O malo é que é habitual non ó final senon ó principio, xusto despois da cena. O momento ideal para facer unha despedida á francesa.

Comenta

*