Conversas na porta

CO TELEMÁRKETING telefónico, ese que nos interrompe a sesta, o xantar ou outras actividades igual de pracenteiras, temos esquecido o que había ata non hai moito: aqueles comerciais que ían polas portas das casas vendendo cousas, e non só enciclopedias. Aínda ves algúns, pero menos. O venres apareceume un na porta á hora do café, para tentar convencerme de que volvera por segunda vez a un club de lectores. Noteille que quedou un pouco frustrado cando lle dixen que non despois de falarlle da morea de libros por ler que hai na casa. Dicirlle na cara que non a un comercial de carne e óso é máis delicado que negarse a unha voz telefónica, que chega vai ti saber de onde. Cos do teléfono podes ser máis cafre; cos da porta podes recrearte vendo a cara (estupor) que lles queda. Hai anos, viñeran uns a venderme unha historia de Galicia e empezaron cun ben ensaiado cuestionario. Recordo dúas das tres preguntas, sobre os irmandiños e o xeneral golpista Díaz Porlier. E despois de contestar ben ás tres, díxenlles que non á colección. E replicaron, amolados: “Mágoa, é vostede o primeiro que contesta correctamente a todo”. Neste caso, igual que noutros, recordo aquela tira de Mafalda (que ten polo menos tres sobre estes casos) na que a nena de Quino responde que na familia non teñen cabeza, senón unha cooperativa, e o comercial queda dicindo “Entón, naquel curso de ventas non estaban todas as respostas”.

Tags: ,

Comenta

*