A maxia no fútbol

Néboa sobre o Anxo CarroO FÚTBOL tenche moito de pensamento máxico, ese concepto psicolóxico oposto ao pensamento lóxico. Velo, sen ir máis lonxe, nas supersticións dos xogadores, xente presuntamente madura aos vinte e poucos anos que fai os mesmos rituais en cada partido ou que se viste sempre na mesma orde (primeiro, a media esquerda; despois, a dereita, por exemplo). Pero tamén se ve entre os espectadores, eses que sempre confían na milagre de que o pequeno lle gane ao grande, ou que agardan anos e anos confiando en que algunha vez España sexa campión do mundo (incluído eu). Penso tamén en espectadores como esa seareira do Lugo que estaba pola miña zona no último partido que fun ver no Ángel Carro e que se pasou dez minutos berrándolle ao árbitro que anulara o gol do Alcorcón, no que saíu lesionado Yoel, cando os propios xogadores xa se resignaran co tanto. Aquí a maxia consiste en agardar que o árbitro te oia, primeiro, e te atenda, despois, ou esperar o mesmo do futbolista, ese tipo que non dá xogado como ti soñaches a noite anterior. E, por suposto, o do pensamento máxico hai que estendelo cara os que ven mans negras por todas partes: o árbitro tenos manía, dirá o adestrador do equipo que perdeu despois de non disparar unha soa vez á porta. Hai dúas tempadas, por exemplo, na internet correu un rumor que atribuía o descenso do Dépor e o non ascenso do Celta e do Lugo a unha vinganza de Ángel María Villar polo resultado das eleccións na federación galega de fútbol. E falando do Deportivo (a miña solidariedade celtista para o equipo o seus seareiros), estes días confirmouse que a cousa lle vai mal sempre que está o Valencia polo medio na derradeira xornada, sexa directa ou (como o sábado) indirectamente. Vai ser cousa de meigas.

Tags: , ,

Comenta

*