A realidade cinéfila


NA PÁXINA de hai dous domingos aludín a unha película surcoreana na que o protagonista era un asaltante que ninguén vía e que facía pequenos arranxos nas casas que ocupaba. O filme titulábase ‘Hierro 3′, emitiuno La 2 (por suposto) e recordoumo a recente vaga de roubos en Vilalba, na que algún ladrón deixou cousas esquecidas, como se fose un peculiar troco. E é que ás veces é a realidade a que imita o cine, quizais porque o cine é, no fondo, un espello da realidade. Por iso, as capas dos disfraces para nenos, en especial o de Supermán, levan a advertencia de que aquilo é un xoguete e non un artefacto para voar: cando se estreou a película de Richard Donner (1978) houbo varias tráxicas noticias de nenos que quixeron imitar ao superhome cun trapo. Estes días, nos que están de moda as noticias frikis ou truculentas, houbo unha que me recordou a eses alieníxenas comedores de ratos e tarántulas que nos invadían en ‘V’. Na prensa, outra nova recordou a Paíño, ese candidato á presidencia da Xunta coa cara e o corpo de Santiago Segura, que mentres era detido pola policía, por pedofilia, exclamaba que “a culpa é dos pais, que as visten como putas”. Algo de razón ten este personaxe de ‘Airbag’: a culpa é dos pais e da sociedade en xeral… porque consenten que a publicidade e a moda promovan as ‘Lolitas’, denominación para nenas con querenza de adultas nacido, por certo, dunha novela e popularizado (como ‘Rebeca’) por unha película. Mágoa que nesta Crise non teñamos, como en ‘Pulp fiction’, un señor Lobo que arranxe problemas.

Tags: , ,

Comenta

*