Os sobrantes de Quentin


ESA NOITE, o reprodutor sufriu un fallo e a película reiniciouse. E diante da tediosa perspectiva de andar buscando o punto exacto no que saltara, decidín ir durmir, aínda que (ou iso me dixeron ao día seguinte os que estaban comigo) só quedaran quince minutos do filme. Deume igual: non me interesou ver o final nin ao día seguinte nin nunca. Daquela, eu xa levaba un chisco maldicíndome por ter caído outra vez na trampa de ver unha película de Tarantino. E mentres me remexía no asento, incómodo, recordaba que non era a primeira vez que un filme do director de ‘Pulp Fiction’ me parecía longo de máis. Porque unha enxeñosa escena sobre hamburguesas, por exemplo, pode ser divertida a primeira vez, pero á oitava cansa. Lembro outros directores que necesitaban menos para contar as cousas, e houbo épocas nas que unha longametraxe estándar duraba 90 minutos escasos. Un tal John Ford, que fixo ‘western’ antes que Tarantino, era famoso pola súa obsesión por aforrar; era tan esaxerada que o levou, pola súa teima de non cambiar a cámara de sitio, a crear estraños enfoques (busquen planos nos que só aparecen as pernas de John Wayne). Iso non lle impediu ser un mestre, autor de películas que nunca aburren aínda que as vexas vinte veces. Cos minutos que lle sobran ao director de Tennessee, outros case darían feito unha filmografía enteira (Víctor Erice). Nos tempos de Ford a xente ía máis ao cine; nos de Tarantino pechan salas, como pasou este domingo en Lugo.

Tags: , ,

Comenta

*