Exhibicionismo, o xusto

VAS cantando no coche ou pola rúa, movendo lixeiramente os beizos, pensando que ninguén te ve, e descobres a alguén mirando para ti cunha cara entre o pasmo e a risa. E poste vermello, aínda que as cousas cambiaron moito: antes vías a alguén falando só pola rúa e pensabas que estaba tolo, pero agora míraslle primeiro se leva algo pendurado dos oídos, por se é un móbil. Tamén teño lido a alguén dicindo que non hai nada mellor que falar con un mesmo, porque es a persoa que mellor te entende: dende logo, é a que leva máis tempo contigo. Hai uns días, estaba eu no medio dun monte, facendo augas menores (que non é o mesmo que facer auga, como non todo o mundo recorda), e sentín que pasaba algo por riba de min: descubrín que era un deses octocópteros ou como se chamen, que probablemente estaba a gravar algo dende o aire. Así que é posible que alguén me teña pillado facendo unha actividade tan íntima. Ou pode que me gravara coa mesma faciana de gilipollas coa que saio mirando cara ao coche de Google Street que me sorprendeu hai un par de veráns cando saía do supermercado camiño da casa. E alí estou, nos mapas de Google: non se me ve, porque me pixelaron (como a todos), pero eu si sei que son eu. Nestes tempos de exhibicionismo, algúns, que igual somos un pouco anticuados, non estamos dispostos a que se nos vexa máis que o imprescindible: nunha manifestación, con cara de pampo cando os da tele asaltan a un transeúnte que pasa canda ti, ou cruzando unha rúa para rechear unha escena de Hitchcock.

Tags: ,

Comenta

*