Ademais, é alemán

Merkel e o ferro de pasarO MEU primeiro coche compreino case por capricho: namoreime del en oitavo de EXB, cando saíu o primeiro de Almussafes, e anos despois, cando xa tiña idade e carné para conducir, merquei un. O segundo compreino en parella: era un turismo máis tranquilo… conxugal. E o terceiro, o actual, foi unha repensadísima decisión miña: probas dez, comparas mil cousas, desbotas algúns e cando che quedan dous dentro da franxa de cartos que puxeches de límite, elixes, entre outras cousas, por cuestións ‘políticas’, por chamalas dalgún xeito: “Mira, vou elixir o americano feito en España, e non o alemán, tamén por ‘amolar’ á Merkel, que xa nos está fodendo bastante”, díxenlle ao vendedor. E Alberto respondeu: “Si, xa, a marca é americana, pero este modelo fabrícase en Hamburgo”. Promover o produto autóctono é, seica, a última moda: roupa de modistas locais, mobles galegos ou levantinos (e non suecos ou tailandeses)… Hai, iso si, asuntos nos que é imposible: se é un aparello informático, será, seguramente, ‘made in’ Asia. Pero noutras cousas (á marxe da alimentación) si que o intentas. O malo é cando topas con xente que usa o de fóra como referente. Cando fun mercar un ferro de pasar, o vendedor describiu as vantaxes do aparello e rematou cunha frase coa que, sospeito, quería resumir todas as bondades do electrodoméstico: “E, ademais, é alemán”. E cada vez que paso o ferro sobre as camisas acórdome de Merkel.

Tags: ,

Comenta

*