O arco de Oz

NOS MEUS tempos coruñeses, houbo un compañeiro de traballo, de apelido ferrolán e erótico, que se burlaba de min porque durante unha época deume por ir cantando ‘Over the rainbow’ en todo momento e lugar. Un día chegamos a cantala a dúo. Era a versión de Judy Garland, que naqueles anos oitenta non había outra máis popular. Estes días volvo a andar coa canción, pero desta volta trátase da versión de Israel ‘Iz’ Kamakawiwo’ole, e a culpable do meu enganche é a radio. Esperto e teño case a completa seguridade de que nas miñas dúas ou tres primeiras horas do día, nalgunha das emisoras que sintonizo habitualmente, vou escoitar esa versión hawaiana e con ukelele. Buscando o complicado nome do tipo en Google, descubro que hai un menos coñecido ‘Over the rainbow’ de Eric Clapton, que é, casualmente, o autor do cocainómano ton do meu móbil. É curioso o meu con esta canción. Nace nunha película, ‘El mago de Oz’ (1939), que eu nunca vin completa, aínda que si noutras versións (mesmo algunha de debuxos), e da que agora fixeron algo que quería ser unha homenaxe e que non convida a ir ao cine. Aínda así, semella como se esa canción quedase pegada no fondo da miña memoria e volvese á menor oportunidade. Ás veces penso que ese apego recorrente débese a que todos algunha vez quixemos ir alén do arco da vella ou saber que é o que hai máis aló desa cortina de cores.

Tags: ,

Comenta

*