Manuscrito atopado en…

Xustificante aparentemente falsoA HISTORIA da literatura está chea de textos atopados por azar. Con eles ocorre algo semellante ao que pasa en CSI: só achas cousas que interesan, e que serven ou para resolver un crime, no caso da serie, ou para escribir un relato, no caso da literatura. Normalmente, son textos manuscritos, e o certo é que, indo pola rúa, a pouco que te fixes, podes ver algún, aínda que ningún terá valor literario. Se vas cun cativiño deses que atrapa todo o que atopa no chan, mesmo é posible que teñas que ter algún nas túas mans: “Tira iso!” Ves algunha receita médica (a electrónica está a reducilas), algunha lista, posiblemente da compra ou de tarefas; algún papeliño con letra microscópica, elaborada co inmortal estilo das chuletas estudantís… Unha vez, nun dos meus paseos polas ribeiras do Mera, atopei un falso xustificante para un alumno. Digo que era falso porque a letra era demasiado xuvenil, notábase moito que a sinatura dos pais estaba falsificada e estaba escrito na folla dun bloc escolar: sospeito que o autor aínda non aprendera a fixarse nos detalliños delatores, como a necesidade de acentuar algo, empezando polo propio nome. Non tiña valor literario, aínda que está claro que estes papeis cárgaos o diaño. Así que rezo para que ninguén atope un caderno que eu perdín en Láncara, cando preparaba unha reportaxe sobre a visita de Fidel Castro, cheo de notas inconexas e escrito coa tipicamente indescifrable letra das roldas de prensa. Un non sempre acha textos grandes e completos, como lle pasou a Cervantes cun relato escrito por un tal Hamete Benengeli.

Tags: , , ,

Comenta

*