Morte 3.0

BROMEO con Javier, que ocupa este espazo os venres, con que el e eu xa estamos nunha idade na que temos que atender as esquelas (en galego, necrolóxicas), porque co paso do tempo o número de xente que coñeces vai a máis, sexa por motivos persoais ou profesionais. O comentario fíxenllelo pola morte do fillo dun alcalde que ten rúa en Foz, pero repetino o domingo, desta volta porque aínda recordamos (os dous) ter falado máis dunha vez con López Noceda, exalcalde de Lourenzá, falecido ese día. Creo que xa escribín que é nas esquelas onde precisamente notas o paso do tempo: primeiro les as dos familiares dos teus amigos; lustros despois, son as destes as que aparecen. Sempre hai algunha excepción, de xente que morre antes do seu tempo, e nesta redacción sabemos algo diso. Sobre os xornais e estes avisos necrolóxicos hai dous coñecidos lugares comúns: o de que hai xente que empeza a lectura por aí e o de que é unha das poucas cousas das que te podes fiar ao cen por cento. Algunhas son de colección: cada 21 de marzo, dende 1994, sae en El País unha atípica e literaria esquela de aniversario por Elena Lupiáñez, que xa é obxecto de atención dese paraíso do friquismo que é internet. Na rede hai varias webs mortuorias, e o máis moderno nos cemiterios son as lápidas con vídeo ou bidi. Quizais é un intento de modernizar a morte: leva tantos séculos sendo igual que algún pensará que é hora dunha actualización.

Tags: , ,

Comenta

*