M de Macondo

CANDO me piden que deletree, digo “M de Madrid”. Sáeme de xeito automático e inconsciente; digo Madrid e non, por exemplo, María, Maracaibo ou Meira (onde hai a asociación Eme de Meira). E o B é de Barcelona, agás unha vez que, por colegueo, díxenlle a un chinés “B de Beijing”; decateime de que o pronunciara tan mal (“como dixo? “) que decidín seguir usando a cidade condal. A letra O é de Oviedo e a T, de Teruel, e, igual que ocorre con B e M, forman un matrimonio indisoluble, unha asociación mecánica que non sei en que parte abisal do meu cerebro nace. Esas ligazóns existían xa no concurso ‘Cifras y letras’, na etapa de Elisenda Roca, pero podo remontarme máis atrás. E é que na primeira guía telefónica que entrou na miña familia, a finais dos sesenta, cando a moitos sitios aínda chamabas vía operadora, había un recuncho no que pouco menos que che esixían que deletrearas dun xeito determinado e poñían unha relación de letras e as súas correspondencias: H de Huesca, P de Portugal … e que nin se che ocorrera dicir Huelva ou Pontevedra. Tamén os exércitos e as forzas da orde teñen ese tipo de xerga: “Coche matrícula 1234 Charly Tango”. Poderíase estudar por que usamos unhas letras e non outras para deletrear, perdendo así unha boa oportunidade para abrir conversas (“N de Ngorongoro? Fuches alí?”) ou para desactivar a teleoperadores exóticos e curtos: “Dixo M de Macondo? Iso que é? Un mineral?”

Tags: ,

Comenta

*