A ducha e a bolsa do lixo


POSIBLEMENTE xa contei algunha vez que o baño é o lugar onde se me ocorren as ideas máis brillantes ou creativas. Só me pasa, aclaro, facendo dúas cousas: ou na ducha ou, sobre todo, cepillando os dentes. Porén, ás veces abonda con mirar ao espello, como me ten ocorrido no aseo desta Redacción. Por exemplo, o nome do meu blog (algo que non se cambia todos os días) saíume pasando o cepillo polos molares; e a estrutura dalgún destes artigos de última naceu baixo o chorro da alcachofa. Non son orixinal: hai estudos que demostran que a ducha é o lugar onde nacen o 44% das ideas. Iso pasa, claro, cando te deixas ir pola inspiración, polas volubles musas, e non segues a máxima de ¿Cela?: o traballo do que escribe está formado por un 10% de inspiración e un 90 por cento de transpiración. Pero teño coñecido xente que utiliza outros recursos para inspirarse, sen esquecer o máis coñecido, que é a madalena de Proust, que lle deu para unhas 3.200 páxinas. Unha das miñas parellas (teño que escribir algo sobre o nome que lle damos ás relacións que non continúan: moza, noiva, amante…) inspirábase no caldeiro do lixo. Xogabas ao Trivial, preguntabas polo nome do touro que matou a Manolete, ela dicíache que o tiña na punta da lingua, ía ata o vertedoiro, abría a porta, miraba o lixo e bramaba: “Islero!” O malo era que así era difícil saber se o que a levaba a pensar no lixo era o xogo en si ou os touros.

Tags: ,

Comenta

*