A miña xenofobia

UN VAI pola vida intentando ser tolerante, aceptando as diferenzas cos demais, decatándose de que un non é superior a ninguén por ser simplemente branco, home, católico, universitario ou mesmo galego. Pero, ás veces, descobres incoherencias nesta liña de actuación: porque hai unhas semanas detectei en min rastros de xenofobia. Confésoo: son xenófobo… coa alimentación. Acordeime do tema cando vin a que se montou hai pouco cando unha clienta de Mercadona descubriu que as laranxas que vendía esta cadea valenciana eran… de Arxentina. Os Roig, donos da empresa, aclararon que iso só pasa fóra de tempada, pero o dano cibernético xa estaba feito. Aos poucos, vinme a min mesmo preguntando nunha froitería do barrio pola procedencia da aquelas laranxas que quería comprar. A miña xenofobia medra no súper: as xudías veñen de Marrocos, igual que os tomates, que ás veces tamén son de Bélxica; os pexegos cruzaron o Atlántico, o que quere dicir que igual hai meses que foron recollidos… e os espárragos, mesmo algúns vendidos por marcas navarras (hai unha sentenza recente ao respecto), veñen ou de Perú ou de China. E mentres maldigo a globalización, voume dando argumentos: primeiro, os espárragos chineses non saben como os navarros, e os tomates marroquís (os que venden para os que os queren fóra de temporada) “saben a Bos Aires”, como chanceaba o meu avó cando algo era totalmente insípido; segundo, o que vén de máis lonxe é máis barato que o que vén de preto, o que significa que ao produtor, pode que un costarriqueño explotado por ‘Mamita Yunai’, páganlle unha merda pola banana que nos venden tirada de prezo na tenda do barrio. É dicir, se compras, ese agricultor vai seguir na miseria… e se non, tamén. E mentres me reafirmo e expando a miña xenofobia alimentaria, caio na conta da contradición de que o produto que máis se come onde vivo (a pataca) e o que máis me gusta (o chocolate) teñen orixe estranxeira. Está claro que todas as xenofobias son idiotas.

Tags: , ,

Comenta

*