Iniciación ás néboas normais

NA CASA, a adquisición de hábitos de hixiene foi progresiva: primeiro ensináronche a lavar as mans antes de comer; despois, a limpar os dentes, a ducharte, a peitearte só… e nalgún momento dicíanche aquilo de que había que lavar a cara ao erguerse da cama, máis que nada por quitar as lagañas. Co tempo descobres que isto último tamén serve para irse espertando, aínda que algúns necesitamos algunha axuda máis: café, en tempos tabaco… Nese momento en que un se está recolocando no mundo é cando adoito ler o xornal, mentres almorzo e moitas veces con Radio 5 (agora menos) de fondo. Esa é unha das razóns de que eu ás veces vexa cousas estrañas: outra razón é aquilo tan humano de non ler as palabras completas, letra por letra. Xa saben: que ves unha palabra que empeza por ‘ent’ e acaba por ‘ra’ e les ‘enteira’, aínda que realmente poña ‘entiera’ (unha errata). Así, hai uns días sorprendinme lendo que en Sarria van facer un curso de iniciación ao karaoke. Estrañoume tanto que tiven que volver ler: realmente poñía karate. E este luns, na páxina de atrás desta vin que a predición do tempo era de ‘nieblas normales’ no interior de Galicia. Por desgraza, lera mal: poñía ‘matinales’, que, realmente, neste tempo son normais. Non sei se lin iso de xeito inconsciente (tras mirar pola ventá) ou se aínda non se fora o sono. Ás veces, a realidade somnolenta é máis divertida e creativa que a real.

Esquecemento engadido:

Na versión mental do artigo (é dicir, o borrador que fago mentalmente) aparecía outro trastocamento de letras, aínda que neste caso non era meu. Trátase dun titular de finais de outubro que dicía que o PSOE ía analizar non sei que día os resultados do 21-O. Iso foi o que lin, aínda que realmente poñía ‘21-0′, que non é unha data, senón… unha goleada.  Sería que inconscientemente a autora da información estaba a pensar no resultado das eleccións autonómicas?

Tags: ,

Un comentario a “Iniciación ás néboas normais”

  1. Lola

    D. Ángel ,

    por se acaba o mundo de aquí a uns días …

    … un secretiño …

    A REALIDADE SOMNOLENTA É SEMPRE MÁIS CREATIVA

    E MÁIS DIVERTIDA CÁ REAL ! !

    E para tod@s , My Sweet Lord

Comenta

*