Dei a chapa?

DESAPARECEUME a chapa do carro; xa saben, unha desas falsas ‘moedas’, algunhas cun furado para enganchar no chaveiro, que serven para poder coller un carriño do supermercado. A miña conseguíraa cando a Once lanzou o seu ‘rasca’, e precisamente ese, fretar eses cartóns de lotaría instantánea, foi o destino para o que menos a utilicei. En cambio, resultoume moi útil para outros fins, como purgar os radiadores (tiña o ancho, o tamaño e a dureza idóneos) ou deixar cousas nas consignas das tendas. Isto último era o mellor, porque falamos moito de homoxeneizar os cargadores dos móbiles (para non ter que levar un diferente para cada teléfono), pero esquecemos que hai outras cousas menores nas que tamén hai diferenzas sutís: hai carros e consignas que aceptan ou moedas de 50 céntimos ou dun euro, pero poucos admiten as dúas. En cambio, a chapa valía para os dous. Así que, tendo en conta o seu valor ou utilidade para min (un bo material para ilustrar a diferenza entre ‘valor’ e ‘custe’), decidín levala sempre no moedeiro, e agora, como brillaba como un euro, temo terlle pagado por despiste a alguén con ela. E é que ultimamente ir comprar a algúns sitios estase convertendo nunha tarefa que esixe case planificación militar: facer unha lista, buscar o máis barato, levar a moeda necesaria para o carro, outra para a consigna e cargar con bolsas. Eu tómome pequenas e simbólicas vinganzas, como ir aos híper con bolsas da competencia (un xeito de evitar, por outra banda, que pregunten se acabas de coller na caixa esa bolsa tan dobradiña que sacas do peto). Este luns  rompeume en Lugo unha, moi reutilizada, de Continente (unha cadea de alimentación de Portugal): ¿Será, igual que a perda da chapa, un castigo do deus dos hipermercados?

ENGADIDO para o blogue: Na procura dunha foto en internet, descubro dúas cousas: a primeira, que hai quen colecciona estes chintófanos (o link, picando na foto); a segunda, que hai quen a chama ‘ficha’, que, se cadra, é máis apropiado, aínda que a min recórdame ás vellas chapas do fútbol.

Tags:

Comenta

*