Pratos e cantantes

HAI UNHAS semanas, colocando o lavavaixelas (unha desas operacións para as que non é preciso usar o cerebro ao cen por cen), veume á memoria o refrán completo dunha canción. Aínda que sabía o cacho enteiro, mesmo coas súas inflexións de voz, non din recordado o nome do cantante. O Señor Google sacoume de dúbidas uns días despois: era unha canción de Rosa María Lobo, intérprete asturiana que en tempos se fixera chamar Maya. Chegou a ir á OTI e tamén cantou aquilo de ‘Dejó volar sus manos sobre mí’, que era o tema que eu recordaba letra por letra. Lobo foi unha de tantas intérpretes medianamente popular na Transición que despois desapareceu do mapa, sen que ninguén a recuperara (agás unha homenaxe este verán). Hai excepcións, claro, e algunhas veñen da publicidade. Este verán, buscando a melodía dun anuncio da tele na casa da miña irmá, acabamos escoitando música dos setenta e oitenta e descubrindo que á súa filla (sete anos) lle agradan hoxe esas pezas tanto como á miña irmá hai trinta anos. Resultou tenro oír de novo a Ana Anguita cantando o do ‘Super disco chino’, reconvertido agora en ‘Gratu, gratu gratuito’. Esta nena tivera máis éxito que Rosa María Lobo, pero acabou por deixar a música na adolescencia. O compañeiro de Ana si que seguiu no mundo do espectáculo, pero o que fai agora el, Enrique del Pozo, tampouco se chama cantar… ou si?

Tags: ,

Comenta

*