Pola nova ou pola vella?

NON sabería dicir que cambio horario me gusta menos: se o da pasada fin de semana ou o da vindeira primavera. Cada un ten os seus pros e contras, e levamos tanto tempo facéndoos que mesmo se instaurou unha certa simboloxía. E igual que podemos dividir o mundo entre amantes dos gatos e seareiros dos cans, tamén poderiamos repartilo entre os que prefiren o cambio horario de outubro e os que se decantan polo de marzo. O do domingo ten a vantaxe de que polas mañás é (relativamente) menos noite e, se es dos que necesita espertador, durante uns días adiantaraste á alarma, polo menos ata que o corpo se acostume. O principal pero é que se fai de noite antes, o cal acentúa a sensación de invernía (polo menos neste hemisferio). Co cambio de primavera ocorre xusto o contrario, claro: polas mañás andas coa sensación de durmir menos, pero dun día para outro pasas de ver anoitecer ás oito a facelo preto das nove. Pero, xa digo, levamos tanto tempo facendo isto que mesmo hai tradicións e simboloxías e fraseoloxía propia («pola nova ou pola vella?»). Unha das tradicións é que cando chega o día de cambiar o reloxo, os medios inzámonos de textos sobre o suposto aforro, de recomendacións médicas para facer a adaptación progresivamente e non de golpe, e das queixas habituais dos que non entenden para que vale isto. Seica é para aforrar enerxía. Claro que iso compénsalo coa que perdes mirando se todos os reloxos están en hora ou descubrindo que non hai dous que teñan a mesma.

Tags: ,

Comenta

*