A contramán

VEXO un breve dun xuízo a un tipo que circulou en sentido contrario nada menos que pola Ronda da Muralla, que é unha cousa bastante complicada de facer (agás se vas ben bébedo, como pasou neste caso) e, sobre todo, perigosa. Ao pouco de vir vivir eu para Lugo, houbera unha tractorada de varios días na que os gandeiros deixaron durmindo as máquinas na Ronda e, para saltar o bloqueo, houbo algún condutor que circulou en sentido contrario, nun deses outonos neboentos que tan ben coñecemos en Lugo. Daquela, os semáforos da Ronda non funcionaban de noite. Só lembro unha vez na que circulei en sentido contrario: foi nun treito pequecho, por un camiño de terra de Coímbra, e recordo o que me berrou un que viña de fronte: “É prohibido!”, gritou, quizais pensando que eu me trabucara. As antigas matrículas provinciais axudaban moito para facerse pasar por despistado, e máis fóra da provincia. O que si teño feito, e máis dunha vez, é camiñar pola calzada, e non só a da Ronda: algunha vez, manifestándome; outras, por vicio: hai un puntiño de transgresión nisto de andar por onde teoricamente só poden ou deben pasar os coches. Tamén é hipócrita, porque cando son eu o que vai no coche, boto pestes contra os peóns lentos: por exemplo, eses vellos que, aínda que non superan os dous por hora, cruzan fóra do paso de peóns.  Isto é moderadamente transgresor e, ao mesmo tempo e ata certo punto, reivindicativo, porque esta sociedade na que vivimos está chea de cidades habitadas por humanos pero pensadas (por eses mesmos humanos) e construídas para os coches. Todo un paradoxo.

Tags: ,

Comenta

*