Leis e vasos

Volveu a pasar. Antes do verán rompín un vaso azul na cociña. Recollín os cristais, varrín e ao día seguinte aspirei, movendo todo o que se pode mover nunha cociña. Dende aquela volvín  a varrer ou aspirar moitas veces, sen que atopara ningún trociño máis, pero a semana pasada apareceu un anaquiño de cristal azul nun recuncho debaixo da ventá. Onde estivo agochado ese maldito lixo todas estas semanas? Que vida propia teñen os obxectos inanimados cando nós non miramos? O do soldadiño de chumbo, que namoraba a unha boneca, era un conto ou foi unha realidade que viviu H. C. Andersen? En casos como este é cando penso en facer algunha nova lei de Murphy, xa saben, aquel sabio que descubriu que as torradas sempre caen pola parte que está untada e, sobre todo, que se algo pode saír mal, vai saír mal (a primeira lei de Murphy). A meirande achega deste home é que nos dá pé para ir engordando o seu legado. Así, á vista do cristaliño fuxidío eu podería concluír que todo lixo minúsculo acaba manifestándose aínda que non o busques, o que en galego popular resumiría a miña avoa dicindo aquilo de que a merda sempre aboia. Murphy, que era enxeñeiro, morreu antes da popularización de internet, así que non puido comprobar que, por exemplo, as conexións USB son fieis á súa primeira lei: o xeito correcto de enchufalas é sempre ao contrario de cómo as conectas inicialmente. Co cal tamén se cumpre outra lei fundamental nestes tempos, a do informático: (case) todo se arranxa saíndo (neste caso, sacando) e volvendo a entrar.

Tags: ,

Comenta

*