Paradoxos no quiosco

HAI UN clásico do outono que sobrevive: o coleccionable. Entre finais de agosto e comezos de setembro invade as pantallas televisivas e os quioscos de prensa, eses sitios famosos porque os seus donos son quen de meter nun espazo mínimo cousas que aos demais non nos caberían nunha casa enteira. Pero os quioscos están cambiando, sobre todo os seus contidos. De cando en vez fago a proba e pregunto por cousas raras, e os quiosqueiros responden mirándome cunha cara que pode ser ou de pasmo (“de que século virá este tipo?”) ou de lembranza (“canto hai que non vexo iso que me pide!”), ou de conmiseración (“pobre, xa chochea”). As fotonovelas deixaron de existir (agás, creo, as de ‘Mongolia’); as revistas de pasatempos son ou de sudokus ou de sudokus e algo máis, e hai dous veráns pechou o derradeiro cómic erótico español, cando en tempos houbo catro ou cinco. Iso concorda co feito de que, en xeral, o cómic barateiro, o de sempre, case desapareceu dos quioscos españois. Corín Tellado, que outrora copaba estes negocios, xa non está, aínda que si podes atopar o romanticismo de Harlequin. Quen si continúa é o gran novelista popular español, Marcial Lafuente Estefanía, autor de centos de novelas do salvaxe Oeste. Por un paradoxo do destino, este toledano que empezou a publicar en Vigo volve estar agora nos quioscos cunhas edicións feitas… en Miami! Curioso para un tipo que só estivo unha vez en Estados Unidos.

Tags: ,

Comenta

*