A rosa de Sigrid

HAI PAÍSES que se poñen de moda sen que quede moi claro por que, e de súpeto todo o mundo quere ir aí ou fala da súa literatura, da súa música, da súa economía… ou dos seus volcáns, como lle está a pasar a Islandia. O ascenso ao primeiro plano dun país que ten tantos habitantes como a provincia de Lugo comezou, precisamente, coa súa bancarrota económica, continuou con aquel volcán de nome impronunciable e segue con grupos musicais como o suxerente Sigur Rós (aínda que cante nun idioma inventado, ou precisamente por iso) e co último lanzamento da única escritora da que se está a escribir (case) tanto estes días como de María Dueñas: Auour Ava Ólafsdóttir. Penso todo isto mentres, precisamente, compro ‘Rosa candida’ (en latín, sen til), a anterior obra da islandesa. E cando estou a piques de flaxelarme por deixarme seducir pola publicidade, penso que a moitos habitantes deste sur cálido sempre nos atraeu, seguramente polo contraste, ese norte frío… Tamén ocorreu ao revés, que os viquingos, un pobo que sempre me fascinou e máis dende que descubrín que non levaba cornos (invento do cristianismo para recalcar o carácter ‘demoníaco’ deses homes do norte), chegaron ata preto de Compostela. En Islandia é onde algúns sitúan o imaxinario reino de Thule, e quizais de aí vén esa atracción que temos por ese país. E é que moitos medramos coas aventuras dun capitán que tiña unha noiva eterna que era raíña dese quimérico país. Como esquecer a Sigrid de Thule?

Tags: , , ,

Un comentario a “A rosa de Sigrid”

  1. mvi

    Quizais porque este sur non é tan morno nin ese septentrión tan frío. ‘Rosa candida’ é unha marabilla. De Dueñas non podo falar.

Comenta

*