Cortinas

NO MEU BARRIO hai un piso que ten unhas cortinas rechamantes: aprécianse máis polas noites, cando prenden a luz. Hai unhas semanas, descubrín que, unhas rúas máis abaixo, hai outras moi semellantes: de circuliños grandes e ben visibles dende a rúa. Véxoas e penso nas cousas curiosas que se poñen nas ventás: a semana pasada vin na Ronda un piso que ten unha malla na xanela, e o que me sorprende é que está nun terceiro, cando ese tipo de protección é máis común canto máis preto do chan estea a ventá: será para que non saian e non para que non entren? Ese mesmo día constatara que en Recatelo hai un bloque de vivendas antigo (pode que abandonado) con todas as xanelas cubertas con plástico por fóra. Este material non é exclusivo deste barrio próximo á Redacción, porque na Ronda vin algo semellante hai tempo, coa diferenza de que neste segundo caso é nunha casa habitada e moi animada: a semana pasada, detrás dos plásticos intuíase unha persoa brincando diante dun ordenador, como se estivera practicando algún videoxogo. Cando se vive nunha cidade cun miradoiro como a muralla, é importante protexer a intimidade das miradas alleas. Outros somos menos creativos e usamos cortinas sosas, das de sempre… das que acumulan tanta merda como as ventás: non lles resulta fascinante que haxa milleiros de cousas que non se manteñen en vertical e, en cambio, o po (e o lixo en xeral), si? Será o plástico de usar e tirar a solución definitiva?

Tags: ,

Comenta

*