Máis cifras

O artigo do domingo non intentaba, nin moito menos, esgotar o tema. A semana deparou máis números dos que publiquei, pero eu só quería recoller uns cantos que me parecían interesantes ou curiosos. Doutros, ademais, xa escribira o meu compañeiro Xoán C. Vidal, como o dos 90.000 euros xa gastados polo Concello de Lugo en litixios xudiciais ou os 28.000 pola restauración dos leóns da Praza Maior. Con outras contías xa fixeron números os lectores do noso dixital, que se alporizaron polo gasto previsto para amoblar a transitada zona peonil da Ronda da Muralla de Lugo: 60.700 euros para 22 bancos con xardineira; 7 xardineiras e 7 papeleiras (uns 1.681 euros por peza, din os calculadores).

Pero faltoume outra cantidade reveladora, para comparar coas pensións, que é que de onde vén a renta dispoñible dos fogares lugueses. Os últimos datos do INE sobre contas de renta dos fogares revelan que Lugo é a provincia galega onde os asalariados son os que menos achegan á renta dispoñible: un 57,2 por cento da renta bruta luguesa sae dos salarios, porcentaxe que sobe ao 58 por cento en Ourense, o 70 na Coruña e o 71 en Pontevedra. Outra demostración do peso dos xubilados na economía provincial.

Tags:

Comenta

*