Creador de modas

A FINAIS de abril, descubrín na pasarela do Miño en Lugo un cadeado prendido no arame, e chamoume tanto a atención que quitei a foto que publicou este xornal. Ao pouco tempo, souben que iso é unha tradición que empezaron os seguidores de Federico Moccia, novo alcalde dunha vila italiana, que creou a moda nunha das súas novelas. Sabendo iso, aos poucos volvín pasar por alí e vin que xa non había un só, senón máis de media ducia, a meirande parte cunha dedicatoria. Ás veces dan ganas de crear tradicións deste tipo, aínda que sexan algunha trasnada, pensando en que dentro duns séculos algún antropólogo se poña a escaravellar na orixe dalgunha costume e comprobe que ninguén sabe de onde sae. Daquela xa nos teremos reencarnado catro ou cinco veces e nos vai dar exactamente igual. Penso por exemplo no costume de tirar moedas en calquera depósito de auga, que empezou na Fontana de Trevi romana e agora xuro que o teño visto importado mesmo nalgún muíño galego. Ti podes facelo na futura fonte da Praza de San Marcos de Lugo á vista de moita xente e verás como en breve te imitan. Se é que realmente somos gregarios mesmo nas chorradas. Así que cando saia de aquí vou deixar un coio enriba dun poste da ORA; a ver se logro que dentro de cen anos sexa unha tradición popular, como (dixérono a semana pasada nun concurso da tele) tocarlle en Verona un peito a unha muller… de pedra, iso si.

Tags: ,

Comenta

*