Cousas de citas

NOS ALBORES da Transición, saía no interior de Interviú (despois tivo, creo recordar, unha curta vida fóra) unha corrosiva revista, chamada Sal y Pimienta, na que unha vez lín unha frase que aínda recordo: “Ningún español leu o Quijote completo”. A frase xerara moitísima polémica. Que ninguén (presuntamente) lera o Quijote completo non impide que o citemos con profusión. E é que, como dicía Mark Twain noutra cita que non atopo, non é necesario saber de nada para escribir de algo. Nese tipo de eruditos pensou José Cadalso: ‘á violeta’, definiunos el. Deberon de ser eles os que inventaron internet: lecturas rápidas e superficiais, coñecementos importantes pero prescindibles e sabedoría popular: como ninguén sabe como funciona isto, con dúas ideas (do tipo “as guerras son boas porque despois vén a paz”, como lle din a Barnabas Collins), podes converterte nun gurú e mesmo facerte rico. Sen dúbida, é importante usar as referencias axeitadas: mencionar a Kierkegaard (como se foses Faemino e Cansado) ou falar do cine de Kaurismaki aínda que nunca viras unha película e como se estiveses ao comezo dese anuncio de Rastreator que sae estes días na tele. E non esquezamos aludir a ese pensador televisivo que deu nome ao grupo Los Punsetes. E deste xeito, mesmo conseguirás un artigo tan apañadiño como este, con nada menos que nove mencións/citas. E é que os culturetas somos ansí, como diría Baroja.

Comenta

*