A televisión, para ler
UN FOROFO do teletexto e dos subtítulos coma min ten que protestar contra as pantallas televisivas cheas de letras non solicitadas. Porque xa non é que saian o nome do presentador ou presentadora e a ‘mosca’ da emisora (o que algúns chamarían logotipo), senón que agora tamén son os anuncios emerxentes, sexa no fondo da pantalla ou impresionados sobre o campo de fútbol, as ‘promos’ das propias canles que che poñen enriba o aviso de que estrean por quinta vez ‘Titanic’ en exclusiva… Prendes a tele, pensando que vas ver imaxes, e veste obrigado a ler. E o de La Sexta coa Liga é para frikis do fútbol (a min tanto me ten que o Real Equipo FC leve sete partidos seguidos empatando 1-1). E ademais, como as redaccións están peor pagadas e máis esixidas, nin se coida a ortografía nin a gramática nin, moitísimo menos, o encadre, co cal algúns dos textos superpostos tapan outros: por exemplo, os escritos nas pancartas das manifestacións ou os que indican de quen é a caixa na que se colocan os votos nun reconto. E a implantación da TDT trouxo outro tipo de texto: “Sen ou con malo sinal”. Á vista dos problemas que deu a televisión dixital nalgúns fogares, en especial os formados por vellos, haberá que pensar se esta medra dos textos en pantalla non será un xeito de obrigar a comprar televisores novos, onde o sinal non se vaia, nin dependa dun decodificador e onde poidas ver mellor as letras… e que estorben menos.
Tags: De re varia, televisión