Acontecemento histórico

AGORA úsase o adxectivo ‘histórico’ para calquera cousa: dende o partido do século de cada sábado ata a vitoria electoral de Rajoy, o ascenso do Rioaveso, a derrota (e remontada?) de Sarkozy, a expropiación dalgunha empresa vendida en tempos a España ou o triunfo de Rafa Nadal en Montecarlo, que fai del o primeiro tenista que suma oito títulos consecutivos nun mesmo torneo. O último é o que ten máis posibilidades de perdurar (polo menos oito ou nove anos), característica que se lles supón aos sucesos que si que merecen un posto na historia. Porque hai moitos feitos supostamente “históricos” presuntamente transcendentais, significativos, pioneiros, mesmo memorables, pero que ninguén recordará pasado un tempo. E se vas aumentando a distancia, ese carácter ‘histórico’ vaise esvaecendo: por exemplo, histórica pode ser a rifa dos teus pais a primeira vez que chegas tarde á casa, pero anos despois xa a esqueciches, e o mesmo pasa con acontecementos tan transcendentes como a crise de goberno causada porque unha raíña non abriu un baile co seu primeiro ministro. A ver, que alguén cite algo que sucedera entre o 2012 a.C. E o 1900 antes de Cristo. O histórico de hoxe non será nin nota ao pé no 2332. Pero os políticos gustan da palabra, porque así parece que fan cousas importantísimas, e os demais usámola, quizais, para convencernos de que nós, simples mortais, podemos facer algo inmortal.

Tags: , ,

Comenta

*