Seguindo ao meu eu

HAI UNS días vinme dende lonxe. Eu ía camiño da casa e observeime a cen metros. O meu ‘outro eu’ ía cunha bolsa de Trama e cun paraugas (foi hai moito) na man dereita, levado con ese xeito que teño que ás veces semella que estou brandindo unha espada. Baixaba pola beirarrúa, que, como era en costa, facíalle ao meu eu dar pasos longos, con ese xeito desaliñado de andar que temos os de patas largas, que parece que imos tirando as pernas para os lados e non andando. Mesmo o meu outro eu levaba unha cazadora que era moi semellante, polas costas, a unha que teño. O meu eu pasou de largo pola porta do meu edificio, así que me fixo graza ver andando polo meu barrio a alguén tan parecido a min, polo menos visto dende atrás. A principal diferencia era o pelo, porque o del era o meu de hai uns dez anos, maioritariamente negro e non abondosamente cano. Eses días lera un conto de Stanislaw Lem, no que o astronauta Ijon Tichy atópase dentro dunha nave co Tichy de onte, o de mañá, o ancián e o da infancia. E o que soluciona o problema que ten no vehículo espacial é o seu eu da infancia, ese período no que non se che ocorre, por exemplo, divagar sobre como sería un mesmo visto dende lonxe. Nunca lles pasou polo maxín a idea de observarse dende fóra, preferiblemente sen decatarse? Así que cando vin que ese ser tan parecido a min non se volvía, non souben se tranquilizarme (non era eu) ou inquietarme: e se era eu?

Tags: , ,

Comenta

*