‘Películas Alphaville’

LA Sexta emitiu o domingo ‘El cocinero, el ladrón, su mujer y su amante’, unha desas que eu chamo ‘películas Alphaville’. O alcume é un recordatorio dunhas populares multisalas de Madrid, que nos oitenta, cando eu as frecuentaba, só pasaban cine en versión orixinal, escasamente comercial, e que tiña detalles como os folletos informativos de cada película, que podías coller na entrada, ou os pases de madrugada, nos que creo que foron pioneiros en España. Tamén tiña unhas butacas comodísimas, tanto, que nalgún sitio lin que as recomendaban para durmir: o cine que poñían ás veces facía moito por iso, e algunha noite teño oído ronquidos nas filas de diante. Eran películas en ocasións profundas de máis, por non dicir aburridas algunhas: non todo o mundo pode con Godard (director do filme que deu nome ao cine) ou Jarmusch, por exemplo, pero daquela, cando España levaba uns cinco anos intentando recuperar o que non puidera ver durante corenta, velas ou falar delas daba boa imaxe, de cultureta, de persoa á última en cuestións cinematográficas. Eran outros tempos; hoxe os Alphaville cambiaron de nome, non vai tanta xente ao cine, é complicado atopar películas que sorprendan, e Godard xa me parece tan insufrible como Garci. Pero foi nesas salas onde, grazas a Alain Tanner, coñecín unha ‘cidade branca’. E aínda hoxe, trinta anos despois de descubrila naquel cine, manteño intacta aquela fascinación por Lisboa.

Tags: , ,

Comenta

*