Luces nocturnas


DENDE a criminal pasarela da Volta da Viña vin hai uns días como convivían as luces de abaixo (as dúas pontes e o barrio de San Lázaro) e as de arriba (un ceo ateigado de estrelas). En Lugo celebrárase en 1999 un congreso sobre iluminación, no que falaran da contaminación lumínica. E menos mal que esta é unha cidade pequena: o halo de Madrid, por exemplo, vese moitísimos quilómetros antes de chegar. Os concellos combaten iso con farois que aluman algo menos, porque non creo que ninguén necesite poder enfiar unha agulla ás once da noite no medio da rúa. Coa Crise, apáganse farois: en Vigo atopei avenidas nas que acenden as luces de cada beirarrúa de xeito alterno segundo o día; en Lugo vin apagada parte da (excesiva) iluminación ornamental da Rúa Progreso. Nalgúns sitios chegan as luces que saen dos comercios, e iso que a crise do petróleo erradicou aqueles que tiñan os escaparates toda a noite acesos. Agora asentouse nas cidades unha nova especie: o cartel luminoso rechamante. Empezaron as farmacias, coas súas cruces verdes que dan tamén a temperatura e a hora. Adoitan apagalas de madrugada, e menos mal, porque, cando se esquecen, relocen no medio da escuridade e molestan aos ollos miopes. A cousa tivo éxito, porque agora chegan os carteis luminosos de autoescola. Non sei a que esperan os oculistas para poñer rótulos como estes, pequenos, pero matóns… para os ollos. Non miran nada polo seu negocio.

Tags: ,

Comenta

*