A persistencia dos tópicos

HAI ANOS, nun templo de Bali, o guía, que era un cachondo, apostou a que aquelas dúas mozas que estaban alí eran italianas ou españolas. Eran de Sevilla, recoñeceron elas. Alí decateime do inconfundibles que resultamos os nacionais dun país cando estamos fóra do noso ambiente. En Madrid é difícil identificar a un galego (agás, se cadra, se fala), pero en París podes diferenciar mesmo chineses, xaponeses e coreanos. De aí podes pasar aos tópicos, que ultimamente están de moda. No país de Merkel, o que goberna Europa, din que por aquí somos uns lacazáns, amigos da festa perpetua, xente que se deita ás tres da madrugada mesmo en días laborables. No outro cogobernante de Europa, Francia, din que nos dopamos e que esas satisfaccións deportivas ás que nos estabamos afacendo son froito máis da medicina que do esforzo ou da mellora da especie. É curioso: as dúas cousas, as festas desaforadas (e nocturnas) e as alegrías deportivas, eran menos habituais nos famosos corenta anos de escuridade, quero dicir, de franquismo. Naquela época asentáronse outros tópicos, como ese que fai que os galegos digamos: non, non, os da festa perpetua non somos nós, senón os andaluces, e estes repliquen: é que os galegos son tristeiros. E ti pensas que todos os tópicos son falsos, aínda que semella que os autores da reforma laboral seica están convencidos de que os prexuízos que teñen na Alemaña son certos.

Tags: ,

Comenta

*