Superhomes e pasquíns

NA NOITE en que morreu Fraga, había grande curiosidade en Twitter por ver se certo xornal galego usaba a mesma web mortuoria que se lle filtrara unhas semanas antes. Cando os ‘tuiteiros’ quedaron cun palmo de narices, porque o periódico non empregou esa portada, algún, para vingarse, tomouse a molestia de revisar todos e cada un dos ficheiros do especial sobre Fraga para ‘denunciar’ que o número da URL demostraba que levaban feitos varios días, porque eran anteriores ás URLs das noticias desa tarde. É dicir, que o tipo agardaba que unha bandada de tropecentos xornalistas confeccionara nun tempo récord vinte artigos de opinión, dez perfís biográficos e corenta textos de fondo. É como pedir que no restaurante che traian un cocido feito un minuto antes. O que pasa é que hai moita xente que agarda dos xornalistas comportamentos de superhome; e aínda que ás veces facemos milagres para conseguir noticias, resúltanos imposible, por exemplo, informar dun accidente de tráfico no que non houbo nin testemuñas nin parte ao seguro nin atestado da Garda Civil. O bo de internet é que agora non te chaman para que acuses sen probas, porque xa o fan os interesados de xeito anónimo nos foros. Volvemos en certo xeito á cultura do pasquín, dos textos deixados en calquera sitio, como os que facía o santo que celebramos hoxe e que por esa razón é o patrón do noso gremio. Iso si: el daba a cara cando repartía os pasquíns.

Tags: , ,

Comenta

*