Prostituta e mal comedora

Pescada na lonxa de Celeiro (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ / El Progreso)
ESTOU por comprar un teléfono móbil que se chama ‘prostituta’ en castelán. Non porque sexa un smartphone dos máis modernos, senón polo nome. Porque a cousa pode dar moito xogo: “Teño unha prostituta ao alcance da man”, ou “hai que ver que cara que sae esta rameira” ou “mira cantas cousas me fai esta furcia” ou “a meretriz quitou unha foto” (dubido de que na fala diaria vaia usar algún destes sinónimos, empezando polo de meretriz, que é máis exquisito de todos). Bromas á parte, teño curiosidade tamén por ver se esta profesional do sexo tamén o é da comida, porque actualmente teño un irmán seu (finlandés, claro) que ten serias deficiencias gastronómicas. Decateime este luns, cando descubrín que o texto preditivo dos sms non recoñecía palabras en castelán como ‘merluza’, ‘nuez’ ou calquera froito seco. Tampouco recoñece ‘lenguado’ nin moito menos ‘faneca’ nin, para o meu consolo, ‘panga’. Pregunteime se o que programou o dicionario do teléfono tería aversión ao peixe, polas espiñas ou polo que sexa, pero comprobei que tampouco sabe de alimentos como brócoli ou coliflor. Así que concluín que o programador ou é anoréxico e odia a comida ou é un neno deses repugnantes que non come segundo que cousas. Iso si, aprende axiña, que pola tarde xa coñecía a palabra ‘merluza’. Pero, volvendo ao principio, acabo de facer a proba, e tampouco recoñece ‘puta’, aínda que si, ¡sorpresa!, ‘lumia’. Mira que son listos estes finlandeses, que xa tiñan preparado o terreo antes de lanzar o smartphone, sen importarlles ren o que significa esta palabra que o María Moliner, a Wikipedia e moitos españois abrevian como ‘lumi’. E a ver se coñece máis alimentos; senón, poderei dicir iso de “esta lumia non me come nada”.

Tags: ,

Comenta

*